Guía e normas de uso

Guía e normas de uso


Podedes descargar  unha guía de normas de uso básico da biblioteca nesta ligazón, ou ben acceder ó pdf  no que se explica detalladamente o funcionamento da biblioteca da escola.

Resumimos brevemente os contidos dos documentos:

O obxectivo é crear unha auténtica biblioteca dun centro de estudos superiores, empregando os amplos recursos existentes sobre conservación e restauración do patrimonio cultural, algúns deles moi difíciles de conseguir, superando as dificultades derivadas das especiais características do centro.  

O funcionamento da biblioteca atópase nunha fase de cambio iniciada en cursos anteriores, que continuaremos neste curso 2018-19: ampliación de horarios de servizo; mellora de espazos de lectura e traballo, difusión da propia biblioteca, etc.
A biblioteca está aberta a todo tipo de usuarios interesados na conservación-restauración e no patrimonio cultural en xeral. Alumnos, ex-alumnos, investigadores e profesores teñen certos dereitos especiais de uso, pero, insistimos, a biblioteca pode ofrecer os seus recursos, en distinto grao, a calquera persoa interesada.

A localización da Sala da Biblioteca e da maior parte dos fondos é a aula 3.4. Outros espazos son a Sala de Traballo/Local de Estudantes que está anexa á anterior, a Sala Informal de Lectura que está no corredor do terceiro andar, e o expositor de novidades situado no corredor da planta baixa.

A biblioteca emprega os recursos do PROXECTO MEIGA e pode consultarse o catálogo en rede. Os recursos están ordenados nos estantes segundo unha clasificación temática exhaustiva elaborada especialmente para os recursos da escola.

Os recursos poderán ser emprestados, con algunhas excepcións. Os alumnos e alumnas da escola poderán levar tres libros durante 15 días, con dereito a renovación en caso de que non haxa solicitudes doutros usuarios. Ex-alumnos, investigadores, profesores e outros usuarios teñen outros réximes de empréstito e devolución específicos, que podedes consultar na guía de normas.

En casos extraordinarios poderá solicitarse a apertura da biblioteca sen necesidade de que haxa un responsable na mesma, fóra dos horarios indicados. Deberá consultarse coa profesora coordinadora da biblioteca, Sonia Seco. Neses casos, os usuarios poderán facer autopréstamos nas follas de solicitude presentes na aula. Fóra dos horarios de apertura, tamén se poden realizar devolucións, en conserxería.

É moi importante que se manteña a orde dos libros nos estantes. Tedes información sobre a orde dos libros e sobre como atopar recursos na biblioteca nesta breve guía. En caso de dúbida, preguntar ó responsable da biblioteca nese momento.


Ningún comentario:

Publicar un comentario